Sunday 28 de April de 2024

250 cacharelas iluminarán a Noite de San Xoán en Ordes


En todas as parroquias do municipio celébrase a tradición de comer sardiñas e saltar por riba do lume purificador

O municipio de Ordes encherase de cacharelas na noite máis longa do ano, celebrando así por todo o alto a Noite de San Xoán. Dende o Concello tramitáronse 250 comunicacións nas que veciños, veciñas, asociacións, agrupacións etc dan conta das súas fogueiras e celebracións previstas. A vila de Ordes acada o maior número delas, aínda que non haberá parroquia na que non se vaia prender algún lume.

Nas últimas semanas non se parou de recibir solicitudes. Un trámite imprescindible para poder levar a cabo esta tradición tan arraigada na zona, tal e como se comunicou a través dun bando municipal.

Aquelas persoas que queiran facer uso de prazas, parques, xardíns municipais, así como calquera ben de dominio público de carácter especial deberán contar coa autorización do Concello. No caso das vías públicas pavimentadas e beirarrúas deberase colocar unha chapa metálica con capa de area para protexer a zona. O dito material será facilitado polo mesmo Concello no caso de que así se precise.

Co fin de preservar a seguridade de todos e todas o volume de combustible da cacharela non deberá superar os 8 m de perímetro nin os 3 m de altura; estar separada dos edificios e árbores 8 m como mínimo; non situala baixo tendidos eléctricos ou telefónicos; non pode conter plásticos, pneumáticos, espumas, poliuretanos, aceites ou calquera líquido inflamable, gases a presión etc; comprobarase que as cinsas están ben extinguidas ao remate; e retiraranse os restos do lugar de celebración nun prazo máximo de 24 horas.